Wednesday 08 de May de 2024

Tres escolas culturais do Concello de San Sadurniño rematan curso esta fin de semana


O venres, concerto de gaitas e actuación de Os d’Abaixo; e o domingo, festa de despedida de Música Moderna e Cantos de Taberna

 

Igual que a rapazada, que nuns días virá de vacacións, as escolas culturais do Concello de San Sadurniño tamén van facer un parón durante o verán. Pero antes de rematar o curso queren mostrarnos todo o que levan aprendido durante este ano, entendendo por aprendido tanto o aumento do seu repertorio musical como a mellora da súa calidade interpretativa. Así, este venres a partir das 19:30h gozaremos dun recital de gaita e percusión no adro do Convento do Rosario -no claustro se chove- a cargo dos discípulos e a única discípula do mestre Marcos García, seguido sobre as 20:00h dun pequeno concerto do grupo Os d’Abaixo, integrado por excompoñentes de formacións de tanto renome como Berrogüetto ou Fía na Roca. O domingo ás 12:30h, desta vez na Casa da Cultura, tamén clausurarán a temporada as alumnas e alumnos da disciplina de música moderna impartida por Xoán Leis, a quen se sumará boa parte do grupo de cantos de taberna dirixido por Amparo Calvo.

O grupo de gaitas e percusión da escola municipal de música tradicional conta cunha ducia de compoñentes de distintas idades, case todos pertencentes ás clases de perfeccionamento. Para o serán deste venres teñen ensaiadas varias pezas entre muiñeiras, jotas e rumbas, como por exemplo “Brincadeiro”, “Os cinco mariñeiros”, “O merlo” e outras que se engadiron este ano a un repertorio cada vez máis extenso co que a pequena banda xa anda deleitando públicos de toda a volta e incluso doutras partes de Galicia.

O mestre e artesán Marcos García adestra o seu alumnado en gaita, bombo e tamboril, combinando as clases de todos os martes coa oportunidade de que os gaiteiros e a gaiteira da escola municipal se integren en actuacións da asociación Agarimo de Catabois, que posúe unha das bandas máis numerosas e reputadas do país. De aí que as gaitas de San Sadurniño xa teñan participado en varios concursos da liga galega, ademais de ter animado múltiples eventos nos últimos meses… e os que lles quedan de cara ao verán: están convocados para o Memorial Lolete do día 25 de xuño en Narón, para a sesión vermú do XXVIII Festival do Río Castro e para a foliada previa ao Festival Irmandiño… e o que poida aparecer de aquí a outubro, cando retomarán as clases.

A calidade desta escola poderemos acreditala na tarde deste venres 16 de xuño, a partir das 19:30h, no adro do Convento do Rosario. Ofrecerán un concerto de aproximadamente media hora que lle dará paso á actuación do grupo folk Os d’Abaixo, formado en 2010 por antigos membros de Berrogüetto e Fía na Roca. O seu primeiro disco gravárono en directo no Festival Interceltique de Lorient co único obxectivo de deixar constancia dun estilo propio moi ligado á raíz e orientado ao baile e a diversión. O éxito foi tal que comezaron a percorrer festas e festivais de dentro e fóra de Galicia. En 2022 presentaron o seu disco “Somos a pedra”, que mestura a súa particular reinterpretación da tradición con temas de composición propia.

Música moderna e Cantos de taberna despiden curso o domingo
Por outra banda, o domingo a iso das 12:30h, está programada unha grande festa na que participarán cerca de 40 persoas entre o alumnado das clases de música moderna dirixidas por Xoán Leis e o de Cantos de taberna, coordinado no último ano por Amparo Calvo.

A cita é na Casa da Cultura, onde poderemos escoitar unha evolución desde o rock até a música popular galega, pasando polo funk e a música clásica. “Empezamos en febreiro e en moi pouco tempo conseguimos montar pezas de Queen, da Roda e doutros grupos que imos interpretar este domingo como combo ou de maneira individual”, comenta Xoán Leis.

O profesor engade que nestes meses se traballaron distintos instrumentos -piano, guitarra, batería, trompeta e saxofón-, co obxectivo de “diversificar a oferta sen perder de vista a nosa propia música”, razón esta última pola que o peche será cousa das voces de Cantos de taberna.

O grupo vocal e instrumental ensaiou todos os xoves para xuntar unha chea de cancións ben coñecidas que, ademais, circularon polos bares da volta, unhas veces en solitario e outras en colaboración con formacións amigas. Ademais, a xente de Cantos de taberna foi denominador común en múltiples eventos culturais organizados polo Concello, como o Entroido ou as Letras Galegas, e tamén animará o 1 de xullo a sesión vermú do Festival do Río Castro xunto coas cantareiras da escola municipal -as pandereteiras do Saíme- e o grupo de gaitas.